Tuesday 16 de April de 2024

Naturgy solicita a modificación do parque eólico “Novo”, situado en Valdoviño, Narón e San Sadurniño


A Xunta adiantoulle ao Concello de San Sadurniño os detalles do proxecto, que entrará en exposición pública dentro duns días

A eléctrica quere retirar os 25 muíños actuais e substituílos por 6 aeroxeradores de maior tamaño e eficiencia sen incrementar a potencia instalada do actual parque

A Xefatura Territorial da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación publicará en breve o acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública e a autorización administrativa de construción do proxecto do parque eólico “Novo”, cuxa poligonal lle afecta aos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño. O proxecto está promovido pola eléctrica Naturgy e, máis que un parque de nova planta, do que se trata é de reformar o existente, que se estende desde o Monte dos Nenos -nos límites entre Narón e Santa Mariña- até O Coval, xa en Valdoviño. O cambio consistiría en desmantelar os 25 muíños instalados na actualidade e substituílos por 6 unidades catro veces máis potentes de 200 metros de altura, todas elas asentadas en territorio de Valdoviño.

Foi a propia xefatura territorial quen lle trasladou a información ao Concello de San Sadurniño, como parte do compromiso autonómico de avanzarlles aos municipios afectados todos os datos relativos a proxectos eólicos antes incluso da súa publicación oficial.

Neste caso trátase da variación dun proxecto existente incluído nunha área de desenvolvemento eólico do Plan Eólico de Galicia e cunha potencia instalada inferior aos 50 MW, razón pola que a súa tramitación é de competencia exclusivamente autonómica e razón tamén pola que é probable que a Xunta a informe favorablemente.

A modificación do parque non contempla un incremento da súa potencia (18,75 MW), senón a eliminación dos 25 aeroxeradores actuais (un modelo Ecotecnia-Alstom de 0,75 MW e uns 80 m de altura) e a instalación de 6 muíños novos de maior produción e eficiencia, que terían unha potencia individual de 3,125 MW e unha altura de 200 metros desde a base até a punta da pá máis elevada durante o xiro. Ademais tamén se instalaría unha torre de medición de 117 metros de altura. As estimacións de Naturgy Renovables SLU apuntan a unha produción neta anual estimada superior aos 50GWh/ano e orzamentan a execución material en 23.1 millóns de euros.

San Sadurniño só está afectado polas liñas de evacuación soterradas cara á subestación do Camiño Arriba (punto de conexión á rede da produción do parque). No novo proxecto esas instalacións quedarían como están, aínda que se prevé desenterrar o cableado e cambialo por outro novo, o que implicaría obras e ocupacións temporais para abrir as gabias, estender as conducións e volver tapalas. Na subestación tamén se pretenden substituír transformadores e outros elementos eléctricos sen incrementar a súa superfice.

Deste modo, o proxecto -que tería unha poligonal máis reducida- iniciaríase co desmantelamento do actual parque retirando para iso toda a maquinaria e mesmo desenterrando as bases de formigón que a soportan. Logo restauraríanse con terra e vexetación tanto os antigos emprazamentos dos muíños como as vías de servizo que xa non se vaian utilizar na nova configuración.

Os seis novos aeroxeradores irían situados nas proximidades de algúns dos lugares anteriores e concentrados no triángulo de monte comprendido entre os vértices da Vacariza, o Cameleiro e a Pena, lugares pertencentes ao concello de Valdoviño.

Tal e como informou a Xunta, toda a documentación relativa ao proxecto -o acordo de información pública aprobado este martes, o proxecto de execución, os planos do parque, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal- publicarase “nun par de semanas”, acompañada dos correspondentes anuncios no BOP, no Diario Oficial de Galicia e tamén en La Voz de Galicia.

Canda o anuncio de información pública tamén se publicará o anexo coa relación de ben e dereitos afectados pola reubicación dos muíños e outras infraestruturas, ademais de polas servidumes de paso e ocupacións temporais das obras.

Son un total de 453 parcelas, 17 delas en Narón, 50 en San Sadurniño -polas que pasan os cabos soterrados- e 386 en Valdoviño. Neste último municipio será onde máis repercuta a modificación do parque, que podería traer aparellados cambios substanciais en canto aos posibles aproveitamentos da terra nas zonas máis próximas aos muíños, sobre todo os forestais. Cómpre ter en conta, ademais, que dous dos aeroxeradores proxectados -recordemos, de 200 metros de altura- situaríanse a pouco máis de 400 metros de zonas habitadas.

Exposición pública do proxecto “Nordés” e informe desfavorable para “Badulaque”
En relación co despregamento eólico na comarca, a Xunta de Galicia tamén comunicou esta mesma semana o seu informe desfavorable ao proxecto “Badulaque”, que abranguería os concellos de Valdoviño, Cerdido, Cedeira, Moeche, As Somozas, As Pontes e tamén a San Sadurniño, afectado pola poligonal e polo radio de protección dalgúns muíños situados nos límites con Moeche e Valdoviño. O argumento para rexeitar este proxecto é o de encontrarse fóra das áreas de desenvolvemento eólico (as famosas ADE’s) recollidas no Plan Eólico de Galicia.

Por outra banda, o Boletín Oficial do Estado publicou este mércores o anuncio de información pública do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa para o parque “Nordés” proxectado por Greenalia Wind Power Nordés S.L.U. nos municipios de Cerdido, Moeche e Valdoviño.

Serían 12 muíños e unha potencia instalada de 67,2 MW que se evacuaría até Abegondo mediante a construción dunha liña eléctrica aérea que cruzaría Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes antes de proseguir camiño ao seu destino. Neste caso San Sadurniño tamén se vería afectado unicamente pola poligonal do parque. Dentro dela quedarían os lugares de Leboriz, A Pardiñeira e O Carbeiral, en Bardaos.

O prazo de exposición pública e alegacións ao proxecto é de 30 días hábiles, que empezarán a contar trala última publicación nun diario oficial. Toda a documentación pode descargarse aquí.